Estímase que entre 140.000 e 163.000 persoas viven coa infección polo VIH en España, e unha de cada oito aínda non o sabe.
O marcado descenso do número de casos de sida que se diagnostican cada ano, da mortalidade por esta causa e a evidente melloría na calidade de vida e o prognóstico das persoas infectadas, contribuíron a estender entre a poboación a percepción de que a infección por VIH está controlada en España.
Cunha prevalencia estimada de tres persoas infectadas de cada mil, é evidente que esta visión non se corresponde coa realidade, pero pode dar lugar a unha relaxación nas medidas de prevención e a unha sensación de falsa seguridade no conxunto da poboación.
Os grandes obxectivos da prevención no noso país seguen sendo os que xa en 1987 aprobou a Asemblea Mundial da Saúde: previr novas infeccións, diminuír o diagnóstico tardío, reducir o impacto negativo persoal e social da epidemia e mobilizar e coordinar os esforzos contra a infección polo VIH. Catro fluídos, o sangue, o seme, as secrecións vaxinais e o leite materno das persoas infectadas teñen unha concentración suficiente de virus como para transmitilo. Iso significa que o VIH pode transmitirse por tres vías: sexual, sanguínea e de nai a fillo/a.